Cine.

Crítica á película de "O lobo de wall Street".

Por Alexandre Sueiro.
O dueto Scorsese-DiCaprio volveu a facelo, volveu a facer que pagar unha entrada de cine deixe bo sabor de boca. Co Lobo, Scorsese cóntanos a historia real baseada no libro homónimo de Jordan Belfort, corredor de bolsa durante os anos noventa que se fixo rico coa súa empresa Stratton Oakmont vendendo accións de a centavo e timando á xente e operando á marxe da lei. Mediante a sátira ao mundo das altas esferas e o descontrol preséntase ante nós unha das que pode ser unha das películas máis divertidas e ben feitas dos últimos anos.Vemos como Belfort levanta un imperio da nada e axiña ponse a gañar miles e miles de dólares, ademais de presenciar os seus derroches de diñeiro en drogas, prostitutas e alcohol. Posteriormente vemos a súa caída, propiciando un gran final non carente de reflexións. Mediante un humor negro sempre presente no filme, Scorsese é quen de nos narrar unha historia triste pero que fai que empaticemos cos personaxes.
En canto á película, presenta poucos defectos; a pesares da súa duración de tres horas faise entretida e atrativa para o público, e fai que non te despegues da cadeira nin un segundo, grazas á súa historia e o seu humor constante. Tras películas de corte máis “seria” como pode ser Shutter Island, preséntasenos unha película fundamentalmente de humor, pero que esconde unha moralexa e serve de sátira contra o mundo das altas esferas laborais e contra a vontade humana mesma. O camaleónico DiCaprio volve impresionarnos coa súa interpretación dun rico sen escrúpulos, pero co que somos quen de empatizar e rirnos das súas desgrazas. Xa en Shooter Island veramos ao mesmo dueto Scorsese-DiCaprio facer unha gran película cun final sorprendente.  O resto do elenco de actores non se queda atrás: vemos a MacConaheuey saírse tendo soamente nos dez minutos aproximadamente que sae, participando nunha das escenas máis famosas da película. Tamén vemos a un espléndido  a Jonah Hill, quen anteriormente estaba encasillado en películas de comedia “pasábeis” coma “Supersalidos” saíndose facendo de mellor amigo de Belfort e desenvolvendo un papel moi ben interpretado, que lle concedeu unha nominación ao Óscar.
O humor presente durante o filme corresponde aos tintes do humor negro e desenfrenado, resultando políticamente incorrecto para moitos nalgúns casos pola súa salvaxidade e carencia total de reparo algún en “censuras”. O feito de convertir unha historia a priori “tópica”, ao se tratar da historia de auxe e caída vista por exemplo en Scarface, nunha película humorística, facendo das desgrazas humanas motivo de risa é un gran logro por parte dos guionistas, que fan un traballo magnífico á hora de facernos rir e reflexionar inconscientemente co que vemos na pantalla. Aparte dos constantes gags, o guion inclúe algúns  momentos, coma os discursos realizados por Belfort aos seus empregados, cargados de melancolía e sentimento. A historia presenta uns puntos de corte ben postos, cun guión ben montado e fluído reitero, facendo exhibición dun humor negro brutal; mais debido a isto mesmo, o seu total desparrame de humor pode non resultar atrativo ou semellar “ofensivo” para o público máis sensible ou conservador. Quizais por isto mesmo tivo dificultades para sobresaír nos Óscar.
Os apartados técnicos bríndannos un montaxe audiovisual espléndido, cunha banda sonora acorde aos momentos nos que se desenvolve a acción e axudando a meternos na película. Destaca a sorprendente intervención dos Foo Fighters, cuxa canción “Everlong” aparece no filme. Os xiros de cámara, proporcionando unha gran contraposición de planos e axudando a facer máis levadeiro o desenvolvemento da acción, así coma o vestiario, ben inspirado na época, fan do apartado fotográfico un dos máis notables.
E ben, Scorsese tráenos unha película que repasa algúns temas presentes na sociedade de hoxe en día: a corrupción, as ambicións sen control dos seres humanos, o desfase e o sincontrol, e os cambios que produce a riqueza na xente. Mais o tema de contalo todo mediante unha gran sátira humorística fai do Lobo unha experiencia cinematográfica moi grata. Personalmente, creo que é unha película digna de ver; dende o meu punto de vista DiCaprio merecía o Óscar a mellor actor, non só por xustiza divina e polo resto da súa carreira, proporcionándonos maravillosas interpretacións noutras produccións súas, senón pola magnífica interpretación que fai de Belfort. É incrible. O feito de que este filme quedase tan corto nos Óscar da moito que pensar, xa que a crítica, e non soamente eu, a aclama. Se queres ver unha película e sobre todo es aberto de mente, o Lobo encantarache. É unha película que atrae, sexa polo seu apartado visual, musical, ou porque queiras simplemente pasar un bo rato no cine. Facía moito que non me divertía tanto no cine, e, sinceramente, volvería a pagar unha entrada para volvela a ver, e poucas películas teñen ese toque máxico de facer reflexionar e deixar coa boca aberta.
¿Recoméndoa? Mandaríavola ver.


Crítica á película de "O Hobbit: A desolación de Smaug".

Por Carolina Outomuro.
Para todos os amantes do universo Tolkien, a película dirixida por Peter Jackson, non defraudou senón que foi canto menos impactante e bastante sorprendente. É certo que hai algúns erros en canto a personaxes que non deberían aparecer, poño por exemplo Legolas, o fillo de Thranduil, que aparece na saga posterior "O Señor dos Aneis"; pero a diferencia do Legolas que todos coñecemos, este é un elfo moito máis frío, distante, que ten unha relación moi fría co seu pai e que só sorrí en presencia de Tauriel, unha elfa capitá das tropas dos elfos do Bosque Negro, da cal está namorado Legolas e que é unha personaxe inventada. No tocante ao que sucede, para o meu gusto hai demasiada acción sendo o libro un pouco máis sosegado nesa parte. Por exemplo, non os atacan os orcos cando escapan das mazmorras de Thranduil nos barrís e ningún anano se queda na Cidade do Lago. Porén, penso que é unha película que te transporta a unha parte da Terra Media bastante descoñecida salvo na imaxinación de algúns e penso que merece a pena viaxar de novo ó universo de Tolkien a través desta película.

Drácula de Bram Stoker

Por Carolina Outomuro.

Esta película antiga gañou no ano 1992 tres Oscar; o de Mellor Deseño de Vestiario; Mellor Maquillaxe e Mellor Edición de Son. A pesar de que hoxe os efectos especiais dela non sexan ningunha marabilla se a comparamos con películas como Avatar; esta goza do encanto de estar ambientada no século XIX; co seu aire romántico e os vestidos de ensoño das mulleres.

Todos coñecemos o mito de Drácula, a personaxe de Bram Stoker inspirada na figura histórica de Vlad Tepes, tamén coñecido como o Empalador, e que comandaba a orde do Dragón contra os exércitos turcos. Esta personaxe, interpretada por Gary Oldman, ten un toque romántico á vez que diabólico, e quizais moitos suprimirían o primeiro xa que pensan que os monstruos non saben amar. O papel de Mina Murray, a prometida de Jonathan Harker, interpretada por Winona Ryder; reflexa a difícil elección que as veces nos resulta escoller entre o ben e o mal. 

Non podería faltar nesta historia o doutor Van Helsing, o excéntrico médico que se enfronta co malvado Drácula, interpretado por Anthony Hopkins, e o inocente marido de Mina, Jonathan Harker, interpretado por Keanu Reeves.

Para todos os amantes deste mito, recoméndolles esta película, porque a ambientación e o aire romántico que se respira en toda a película, xunto cos momentos de terror, fan dela unha das películas que hai que ver polo menos unha vez na vida.

Nunca o demo fora tan expresivo.

Por Xabier González.



Pactar Co Demo, The Devil’s Advocate na súa versión orixinal, é unha película do ano 1997 en cuxo reparto atopamos nomes con moita sona, coma Al Pacino, Keanu Reeves ou Charlize Theron.
En xeral, esta é unha moi boa película, aínda que, como é de esperar dada a súa temática, é dun gusto un tanto controvertido. Keanu Reeves, aínda sendo un dos actores mais inexpresivos do mundo, fai un bo traballo interpretando ao avogado Kevin Lomax, quen acepta unha oferta de traballo nunha importante compañía de avogados de New York. A Lomax acompáñao Mary Ann, a súa muller, moi ben interpretada pola posterior gañadora do premio Oscar Charlize Theron.
Por último temos a Al Pacino. Do lendario alter ego de Michael Corleone pouco podo dicir máis que: ¡Que bo é! Non hai papel que se lle resista a esta besta da interpretación. Esta, en concreto, parece feita á súa medida, aínda que non está á altura das súas actuacións míticas nos anos 70 e 80 (Scarface, The Godfather, Dog Day Afternoon...). Mais non podo contalo todo porque faría spoiler (anticipar acontecementos a alguén en canto a un libro, película, serie, obra...)
Boa e ben montada banda sonora que cambia na mesma orientación que a mesma cor do filme. Nótanse certos aires de tributo a Rosemary’s Baby (A Semente Do Diaño) e tamén atopamos moita simboloxía e metáfora relacionadas á loita entre o ben e o mal.
En xeral, película recomendable e de boa factura.

1 comentario: